OLALLA RODIL SERÁ A CABEZA DE LISTA DO BNG POLA CIRCUNSCRICIÓN DE LUGO
O BNG traballa para “liderar un tempo novo en Galiza”
Olalla Rodil mantivo unha xuntanza de traballo coa Comisión Eleitoral do BNG de Lugo para preparar a precampaña cara as eleccións do 5 de abril
Lugo, 2 de marzo de 2020.- O BNG encara a campaña do 5 de abril coa vista posta nun cambio que “abra un tempo novo en Galiza”. A candidatura encabezada por Olalla Rodil, que repite como número un pola circunscrición de Lugo co aval do traballo realizado no Parlamento na última lexislatura, buscará o apoio de “todas as persoas que queren un cambio político de verdade, que poña en marcha o país, que cree emprego e garanta dereitos e xustiza social”.
Finalizado o proceso de eleccion das candidaturas por parte das bases, a formación ultima unha campaña electoral que porá o acento en cuestións claves para a maioría social. Temas como a sanidade e os servizos públicos, os sectores produtivos, a igualdade real, a loita contra a precariadade, a creación de alternativas para a mocidade e un maior autogoberno centrarán a axenda nacionalista de cara as eleccións do 5 de abril.
“O cambio real é que Galiza se goberne desde Galiza e non desde Génova ou Ferraz, e o BNG é a única opción para que iso sexa posible. Saímos a por todas co convencemento de que a partir do 5 de abril teremos por primeira vez á fronte do país a unha muller e a unha nacionalista”, concluíu Rodil.