RODIL FELICITOU AOS CARTEIROS RURAIS POR ACADAR A MEDALLA CASTELAO E INSTOU A FEIJOO A “PROTEXER UN SERVIZO BÁSICO E NECESARIO NO NOSO PÁIS”
O BNG traslada ao Parlamento as demandas dos traballadores de Correos despois de que se conceda a Medalla Castelao aos Carteiros Rurais
A Parlamentaria Olalla Rodil mantivo unha xuntanza co Responsabel Nacional de Correos da CIG, John Vivanco, para coñecer os pormenores das demandas laborais
Lugo, 8 de xuño de 2018. A Deputada do BNG, Olalla Rodil, presentará no Parlamento Galego unha iniciativa para pedirlle a Feijoo que “blinde” as condicións laborais das traballadoras e traballadores do servizo de Correos. Rodil anuncia esta iniciativa despois de que se anunciara a concesión da Medalla Castelao ao colectivo do carteiros rurais de Galiza, “Está ben dar medallas, mais tamén esta ben garantir orzamentos” dixo Rodil. Para o BNG trátase “dun merecido recoñecemento, sen dúbida, mais que contrasta coa realidade que atinxe estes profesionais desde hai anos, especialmente nas comarcas do interior do país.”
A Parlamentaria Olalla Rodil mantivo unha xuntanza co Responsabel Nacional de Correos da CIG, John Vivanco, para coñecer os pormenores das demandas laborais e informou que “na provincia de Lugo, o número de traballadoras e traballadores do servizo de Correos foi recortado progresivamente”. Segundo os datos do censo, pois desde o ano 2000 non existe en Correos RPT, entre 2007 e 2017 reducíronse 119 postos de traballo, pasando de 569 a 417 (-26,5%)”. Este recorte de persoal atinxiu a propia cidade de Lugo, na que viven case 90 mil persoas e existen máis de 55 mil vivendas. En Lugo, apenas hai 44 carteiras/os o que sitúa as ratios en 2.045 habitantes por carteira/o e en 1.250 o número de vivendas por traballador/a.
Esta situación imposibilita a prestación do servizo nas debidas condicións á veciñanza, especialmente nas localidades e comarcas rurais. Cómpre lembrar que a Lei 24/1998, do 13 de xullo, do Servizo Postal Universal e de Liberalización dos Servizos Postais recolle no seu título III as obrigas do servizo público. Neste sentido, estabelécense obrigas dun servizo que se entende de raíz pública, o servizo postal universal e obrigas e dereitos diversos radicados na prestación dos servizos postais.
Porén, estase a aplicar unha unha política pola cal, en base a modificacións dos criterios de dimensionamento, amortízase a práctica totalidade das vacantes dos enlaces rurais e a obrígase a que as e os empregados que prestan os seus servizos na mesma oficina en áreas limítrofes asuman áreas de reparto amortizadas, ou mesmo sexan forzadas e forzados a desprazáranse a outras áreas. Desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que todas estas cuestións contraveñen o sentido público do servizo de correos e a normativa que regula a súa concesión e financiamento. A desaparición dos carteiros rurais ten unha incidencia enorme en Galiza posto que temos máis de 30.000 núcleos de poboación, máis da metade dos do estado español.