O BNG trata na súa asemblea a postura respecto da construción da ronda leste para Lugo
Rubén Arroxo: “está ronda é un despropósito e será o garañón do PP en caso de levarse a cabo”
O BNG establecerá contactos con entidades e colectivos que manifestaron a súa preocupación pola execución desta vía que afecta ao patrimonio que circunda a cidade
Lugo, 23 de xaneiro de 2023. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, anunciou que a asemblea da forza política que representa avaliará a execución da ronda de leste e das consecuencias deste vial para a cidade de Lugo. O BNG establecerá contacto con diversas entidades para pulsar a repercusión que terá esta nova vía na cidade e no seu entorno. A Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 km entre a LU-530 e a N-VI. Tratase de dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles, e importantes estruturas na execución do seu percorrido que afectarán as carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende.
Pretendese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais accesos cara ao hospital Lucus Augusti. O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste.
"Existe unha preocupación en diversos colectivos preocupados" manifestou o voceiro do BNG e engadiu "é o momento de abrir un debate sobre a súa necesidade e de concretar se esa é a forma correcta para abordar a construción de determinados tramos do vial". A ronda leste afectará aproximadamente a 1 km de carballeiras no entorno do río Rato e por tanto afectará dunha forma severa á periferia da cidade de Lugo.