A ACTUAL ZONIFICACIÓN NON RESPONDE Á REALIDADE DAS NECESIDADES DE ESCOLARIZACIÓN QUE TEÑEN AS FAMILIAS QUE VIVEN EN LUGO
O BNG urxe ao Goberno Galego a revisar a zonificación para os centros de ensino de Lugo
“Neste momento existe un debate sobre a necesidade de crear novos centros escolares e a Xunta non se pronuncia sobre o tema por que non saben ou non queren” dixo Rodil
Lugo, 29 de abril de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, sinalou a necesidade de que o goberno da Xunta afronte unha revisión da zonificación dos centros educativos do concello de Lugo “para adaptala á realidade de hoxe”. Rodil lembrou que “son moitas as familias que non teñen posibilidade de matricular a nenas e nenos nos centros públicos máis próximos á súa residencia e teñen que acabar desplazándose a outros centros lonxanos ou acudindo a centros privados”.
Rodil afirmou que a Federación de ANPAS de Lugo xa se ten pronunciado neste senso. A zonificación tense que realizar valorando as zonas de expansión da cidade e tratando de realizar "unha proposta equilibrada, con criterio e encamiñada a que os centros públicos ofrezan servizo a todo o alumnado atendendo a proximidade da súas vivendas”. Para o BNG “coa falta de toma de decisión neste asunto o goberno do PP na Xunta está beneficiando o negocio dos centros privados de ensino e tratando de mermar a calidade educativa dos centros públicos”.
o goberno do PP na Xunta está beneficiando o negocio dos centros privados
A parlamentaria do BNG sinalou que “o criterio de zonificación que se está a aplicar neste momento foi deseñado fai máis de trinta anos cando zonas como Fontiñas ou Augas Férreas aínda non estaban desenvoltas urbanisticamente mentres que hoxe son os barrios de Lugo que máis poboación en idade escolar albergan”. “Esta circunstancia obriga a facer unha nova distribución para que a atención educativa sexa máis racional” afirmou Rodil.
Olalla Rodil explicou que coa eliminación dos IES das Mercedes e do Politécnico, “decisión unilateral imposta polo goberno do PP na Xunta que tivo gran contestación social” a situación agravouse. Así todo o alumnado dos CEIP Illa Verde e As Gándaras, que estaba vencellado ao Politécnico, e o alumnado dos CEIP do O Sgado Corazón, As Gándaras, que estaba vencellado ao IES das Mercedes, está sendo derivado ao San Xillao “e esta situación provoca masificación e obriga a moitas familias a buscar outras opcións máis lonxe do seu domicilio” explicou a vicevoceira do BNG na cámara Galega. Hai que lembrar que o IES San Xillao tamén recibe alumnado de concellos limítrofes con Lugo como O Corgo ou Láncara.
Para o BNG “calquera decisión que se tome sobre a construción de novos centros educativos no concello de Lugo debe estar amparada nunha reformulación da distribución de áreas escolares por que do contrario o único que se fará será gastar cartos en ladrillo sen resolver o problema”. “Neste momento existe un debate sobre a necesidade de crear novos centros escolares e a Xunta non se pronuncia sobre o tema por que non saben ou non queren” dixo Rodil.
Rodil fixo estas declaracións diante do Centro de FP das Mercedes acompañada do voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, de ediles do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, do coordinador nacional de educación do BNG, Mario Outeiro, e do responsabel local do BNG de Lugo, Luis Blanco Rivadulla.