A brigada municipal de obras repara beirarrúas en Aquilino Iglesias Alvariño
Alexandre Penas: “debemos destacar a labor que realiza a brigada, que permite facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloran a calidade de vida das veciñas e veciños”
A maior parte das actuacións de mantemento que realiza a brigada chegan mediante avisos veciñais
Lugo, 17 de decembro de 2020. O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron ao persoal da brigada municipal de obras, que está a renovar treitos da beirarrúa de Aquilino Iglesias Alvariño que se atopan en mal estado. “Trátase dunha zona na que desde a concellería de Infraestruturas levamos realizando distintas intervencións para mellorar a contorna”, explicou Alexandre Penas, que destacou a realización de pasos de peóns elevados ou o repintado da sinalización horizontal que se levaron a cabo nos últimos meses.
“Esta brigada realiza unha importante labor de reparación nas distintas infraestruturas do concello e no mantemento da cidade”, explicou Alexandre Penas. Coa brigada, o concello de Lugo e a concellería de Infraestruturas urbanas traballan para garantir as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza. “É importante lembrar a importancia da brigada de obras, que permite facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloran a calidade de vida das veciñas e veciños”, declarou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas Urbanas lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. “As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade”.