Arroxo: “o BNG no goberno da Xunta investiu máis de 21 millóns de euros na Tinería”

Integrantes do BNG na Tinería, arquivo
Integrantes do BNG na Tinería, arquivo

O portavoz do BNG agradeceu a Javier Arias a súa preocupación polo Barrio da Tinería

 

Rubén Arroxo lembrou da “necesidade” de convertir a Tinería nun exemplo de “rehabilitación e rehabitación” tal e como se proxectou no bipartito da Xunta

Arroxo: “o BNG no goberno da Xunta investiu máis de 21 millóns de euros na Tinería”

Lugo, 17 de decembro de 2019. O portavoz do BNG e Tenente de Alcalde no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, agradeceu ao Delegado da Xunta que mostrase preocupación pola situación do barrio da Tinería. Rubén Arroxo  afirmou que “nos últimos meses a Xunta está tentando lavarse a cara realizando algunhas actuacións na Tinería e anunciando outras, pero o proxecto de intervención no barrio debe ir máis alá”.

Rubén Arroxo puxo en valor “o traballo realizado polo BNG no goberno da Xunta, onde se invertiron máis de 21 millóns de euros neste barrio”, e lembrou que “as excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, que se paralizou coa chegada de Feijóo”. “Se o BNG tivese seguido unha lexislatura máis no Goberno Galego, hoxe a Tinería xa estaría totalmente rehabilitada” afirmou Rubén Arroxo.

A día de hoxe o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade. Segundo Rubén Arroxo, “as propias escavacións poderíanse converter nun centro de investigación e nun polo de atracción de visitantes para a cidade”.

 

Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas

Rubén Arroxo lembrou a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “É unha desfeita que o PP castigue a Lugo abandonando un traballo que foi recoñecido polas propias Nacións Unidas” declarou Rubén Arroxo.

O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

Arroxo: “o BNG no goberno da Xunta investiu máis de 21 millóns de euros na Tinería”