O BNG valora positivamente a sentenza que anula a concesión da construción do Parque Eólico do Iribio
A deputada e viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, recalcou que “a paisaxe e o patrimonio natural tamén son fonte de riqueza e desenvolvemento social"
O BNG esixirá que se restauren os danos producidos polas obras iniciadas no 2019
Lugo, 17 de decembro de 2020. O BNG valora positivamente a sentenza xudicial emitida polo TSXG que anula a concesión da construción do parque eólico da Serra do Iribio. A deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, trasladou os parabéns ao movemento ecoloxista “que loitou incansablemente na defensa deste espazo natural”.
Olalla Rodil sinalou que esta “sentenza demoledora” súmase a outras sentenzas do TSXG sobre decisións que foron tomadas polo Partido Popular na Xunta, como por exemplo, a do parque eólico das Sasdónigas, no Concello de Mondoñedo, exemplos que amosan a “política depredadora do territorio galego que executa o goberno do PP, poñendo por riba intereses económicos e empresariais en lugar da protección ambiental e patrimonial”.
Olalla Rodil lembrou que o Iribio forma parte da Rede Natura 2000, e conta como Zona de Especial Protección de Valores Naturais. "O proxecto eólico non é válido xa que na propia lei se prohíbe construír este tipo de insfraestruturas en espazos catalogados con este nivel de protección", explicou Olalla Rodil.
A deputada do BNG adiantou que "O BNG esixirá ao Goberno Galego que depure responsabilidades coa empresa concesionaria do proxecto fallido para recuperar o Patrimonio natural dunha parte importante da Serra que foi danado ao dar comezo as obras a finais do ano pasado. "A paisaxe e o patrimonio natural tamén son fonte de riqueza e desenvolvemento social e económico, e a Xunta de Galiza ten o deber de conservalos e protexelos", sentenciou Olalla Rodil.