Rubén Arroxo presenta no pleno municipal os orzamentos das áreas da Tenencia de Alcaldía

Rubén Arroxo
Rubén Arroxo

Rubén Arroxo: “as administracións deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica”

A área de mobilidade orzamenta a continuación continuar da transformación da Ronda da Muralla, no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, e a continuación do plan de renovación de alumeado público

 

Rubén Arroxo presenta no pleno municipal os orzamentos das áreas da Tenencia de Alcaldía

Lugo, 18 de decembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou no pleno de orzamentos celebrado hoxe as partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía.Arroxo presentou uns orzamentos deseñados baixo a idea de que “as administracións deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica, ao contrario do realizado por outras administracións noutros momentos de crise económica, que deixaron unhas claras consecuencias”. Rubén Arroxo destacou que “estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade iniciada cos orzamentos do ano 2020  e os suplementos de crédito aprobados neste ano”.

 

No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo anunciou o investimento de 650.000€ para a transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. “Neste ano habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “esta partida permitirá transformar todo este entorno, non só aumentar o espazo peonil, senón renovar a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”.

 

Neste orzamento, a área de Mobilidade e Infraestruturas destina tamén 500.000€ para renovar a rúa Lamas de Prado, “a conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes” para realizar unha renovación integral que aumente a accesibilidade e que mellore a súa estética, renovando a imaxe do barrio.

 

Rubén Arroxo anunciou unha partida para a renovación da rúa Luís Seoane. “Nesta rúa apostaremos por un modelo de plataforma única que demostrou ser viábel en rúas estreitas e que está a funcionar noutras cidades”, explicou Rubén Arroxo. A conversión en plataforma única desta rúa permitirá gañar espazos peonís sen perder prazas de estacionamento, para o que a área de Mobilidade e Infraestruturas reserva 470.000€ do orzamento.

 

O plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas que se veu realizando en distintas zonas da cidade durante o ano 2020 continuará tamén no 2021. Rubén Arroxo anunciou unha partida orzamentaria de 1.043.000€ “para continuar a substituír luminarias antigas, que en moitos casos utilizan materiais contaminantes, por iluminación LED que ten un baixo consumo e permite mellorar a seguridade, ao reducirse as zonas de sombra que poden causar inseguridade”. A área de Mobilidade e Infraestruturas proxecta, segundo indicou Rubén Arroxo, continuar este plan na zona pendente da Avenida das Américas, nas rúas Monte Faro e Illas Canarias, na contorna de Rei Don García, na Ronda das Mercedes, Montirón e Perpetuo Socorro. “Estes investimentos son rentables en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental”, explicou Arroxo.

Arroxo anunciou tamén que a área de Mobilidade e Infraestruturas contempla partidas orzamentarias de 100.000€ para a renovación de mobiliario urbano, 900.000€ para repavimentacións de rúas e amaños de beirarrúas e o aumento do 20% necesario para a posta en marcha das novas liñas de bus urbano.

 

No tocante á área de Participación, Rubén Arroxo destacou as partidas de 30.000€ para a creación dun centro expositivo no Cemiterio Municipal e a adquisición dun elevador de féretros, que permitirá mellorar a seguridade do persoal municipal que traballa no Cemiterio. Arroxo explicou que “continuamos co traballo levado a cabo durante este ano, coa primeira ampliación realizada no Cemiterio Municipal en moitos anos”.

 

Na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, a área de Participación destinará 21.000€ para a súa climatización. “Trátase dunha demanda que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando, e que será unha mellora moi importante, xunto coa renovación do soto que está en fase de licitación e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros que está en execución, para mellorar unha instalación tan importante para Lugo como é a Praza de Abastos e o Mercado Municipal”.

 

A área de Cultura destinará 1 millón de euros para a programación cultural do 2021. Rubén Arroxo destacou que “o sector cultural xera moitos postos de traballo e actualmente atópase nunha situación complicada debido á crise sanitaria”. Rubén Arroxo afirmou que “seguiremos apostando no ano 2021 pola cultura segura, igual que levamos facendo desde o confinamento”. A dotación orzamentaria para a área de Cultura ten en conta a programación do novo auditorio para, segundo Rubén Arroxo, “unha vez se poida abrir esta infraestrutura, ter programación cultural variada en todas as instalacións culturais da cidade, como o MIHL, o Vello Cárcere e o Auditorio Municipal Gustavo Freire”.

Rubén Arroxo presenta no pleno municipal os orzamentos das áreas da Tenencia de Alcaldía