AIRA: “É FUNDAMENTAL GARANTIR UN SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO QUE PERMITA Á MOCIDADE DE CONCELLOS DO RURAL GALEGO CURSAR OS SEUS ESTUDOS”

Carme Aira levará ao Parlamento Galego o transporte para estudantes de Láncara

O caso de Láncara pon de manifesto o mal funcionamento deste servizo e a discriminación por orixe á mocidade do rural

Aira: “É fundamental garantir un servizo de transporte público que permita á mocidade de concellos do rural galego cursar os seus estudos”

Carme Aira levará ao Parlamento Galego o transporte para estudantes de Láncara

 

Lugo, 21 de setembro de 2023. O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa da parlamentaria Carme Aira, presenta unha proposición non de lei instando ao Goberno galego a tomar medidas para garantir o acceso ao transporte público das estudantes da ensinanza postobrigatoria dos concellos de Láncara.

Aira insiste en que o transporte público “debe ser un servizo fundamental que as administracións deben ofrecer á cidadanía, debido ao seu carácter vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade”. O transporte público vén de gañar, nos últimos anos, unha importancia superior, “xa que debe exercer como un dos eixos fundamentais na loita contra o cambio climático, reducindo cada vez máis o uso dos vehículos privados e gañando en calidade ambiental”, explica.

Para que estas potencialidades poidan ser explotadas, insiste Aira, “é fundamental que as políticas públicas de mobilidade sexan deseñadas en consonancia”, algo que non pasa no rural galego que vive un problema maiúsculo coas súas liñas de transporte.

Na actualidade, as persoas que cursan estudos postobrigatorios fóra do seu concello de residencia, atópanse cunha falta de planificación e recursos da Xunta de Galiza. Para o Grupo Parlamentar do BNG “é fundamental garantir un servizo de transporte público que permita que a mocidade de concellos do rural galego, como é o caso de Láncara, sexa quen de cursar os seus estudos postobrigatorios no sistema público de ensino, sen ter que sufrir unha discriminación”, explica Carme Aira.

Ante esta situación irregular, o BNG insta ao Goberno da Xunta a garantir o acceso ao servizo de transporte público ás astudantes e a súa conexión cos centros de ensino, ademais de mellorar o servizo de transporte por estrada no rural galego, así como aumentar a idade máxima da bonificación da tarxeta Xente Nova até os 30 anos.

 

 

Carme Aira levará ao Parlamento Galego o transporte para estudantes de Láncara