Rubén Arroxo: "precisamos melloras reais na infraestrutura ferroviaria que nos permitan usar o tren nos desprazamentos interurbanos"

O portavoz do BNG reclamou actualizar as vías "para garantir que o traxecto Lugo – A Coruña se poida realizar en 45 minutos, e dotar a Lugo dunha conexión directa con Compostela, algo realizable cunha simple vairante de 27 Km"

Arroxo afirmou que a proposta de liñas circulares "mellorará a situación, mais o problema das conexións ferroviarias de Lugo requiren de investimentos serios para modernizar unha infraestrutura que quedou anclada no século XIX"

Rubén Arroxo: "precisamos melloras reais na infraestrutura ferroviaria que nos permitan usar o tren nos desprazamentos interurbanos"

 

Lugo, 21 de setembro de 2023. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo afirmou que a solución aos problemas de conexións ferroviarias de Lugo "precisan de investimentos serios que melloren as nosas infraestruturas". Arroxo valorou a proposta de liñas circulares para as cidades galegas como "unha mellora para a situación actual", mais afirmou que "isto non solucionaría o problema de incomunicación de Lugo, precisamos actualizar unha infraestrutura que quedou anclada no século XIX".

O portavoz do BNG afirmou que "o tren está chamado a ser o medio de transporte do futuro", mais destacou que "para que a veciñanza aposte por este medio en vez de usar o coche, as liñas teñen que ser rápidas e seguras, algo que só se conseguirá actualizando as infraestruturas e creando unha verdadeira rede de cercanías na Galiza".

Rubén Arroxo lembrou as propostas que desde o BNG se veñen reclamando nos últimos anos, como a creación da variante entre Curtis e Ordes, "que permitiría conectar Lugo e Compostela de xeito directo cun novo treito de vía de só 27 Km, e facendo que Lugo deixe de ser a única cidade que non ten conexión directa en tren coa capital de Galiza", ou a actualización da vía Lugo – A Coruña, "un traxecto que en tren leva o dobre que en coche". No ano 2020, unha delegación do  BNG realizou a viaxe de Lugo á Coruña en tren, tardando 2 horas e 35 minutos, "practicamente o mesmo que o AVE de Ourense a Madrid que ese día fixo a súa viaxe inaugural".

Sobre a Liña Lugo – Ourense, Arroxo afirmou que "a electrificación é un gran paso adiante que levaba moitos anos sendo necesario, mais imos continuar sen comunicacións en ferrocarril de alta velocidade debido ao trazado". Segundo Rubén Arroxo, "desde o BNG seguiremos traballando para que o Goberno do Estado aposte en serio pola mellora da infraestrutura ferroviaria e que se poña a Lugo ao día en materia ferroviaria".

Rubén Arroxo: "precisamos melloras reais na infraestrutura ferroviaria que nos permitan usar o tren nos desprazamentos interurbanos"