Carme Aira “a Xunta ten que dar explicacións sobre o que está a ocorrer en Surexport”
A deputada do BNG esixe á Xunta explicacións sobre o suposto caso de explotación laboral nas instalacións desta empresa afincada en Begonte e Castro de Rei
O BNG rexistrou diferentes iniciativas no Parlamento galego para esclarecer as posíbeis irregularidades laborais e sanitarias
Lugo, 25 de agosto de 2021.- A deputada do BNG por Lugo, Carme Aira, esixe explicacións á Xunta de Galiza sobre a situación laboral e sanitaria dos empregados da empresa andaluza Surexport que desenvolve a súa actividade en Begonte e Castro de Rei coa produción e venta de froitos vermellos.
A deputada Carme Aira declarou que “desde o BNG esiximos ao goberno da Xunta de Galiza a que se dispoña a utilizar os mecanismos que posúe para controlar e vixiar o que está pasando nesta empresa en Begonte e Castro de Rei”
O modelo hiper-intensivo de produción agraria desta empresa é sumamente agresivo para o territorio, tanto no eido medioambiental polo seu alto consumo en fitosanitarios e auga, como no social, xa que non favorece ao emprego local. Nos derradeiros días, diferentes organizacións sindicais como sociais denunciaron as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, ao que existe unha posíbel morte dun suposto caso de explotación.
Neste senso a deputada fixo fincapé en que “é incomprensíbel que a Xunta non teña actuado con anterioridade coa Inspección de Traballo para determinar si se cumpre a normativa laboral e sanitaria tanto na explotación como nos lugares de aloxamento destas persoas” sinalou Carme Aira.
O BNG rexistrou diferentes iniciativas no Parlamento galego para que a Consellería de Medio Rural como a Consellería de Sanidade e a Consellería de Emprego e Igualdade poñan en coñecemento do que está a ocorrer e esclarecer calquera feito que poña en risco a vida das traballadoras e traballadores. Así como que a Xunta aplique todos os seus mecanismos para o control e vixilancia.