Continúa o pintado da sinalización horizontal da cidade, seguindo a planificación da concellería de Infraestruturas
Alexandre Penas: “os traballos lévanse revisando as previsións climatolóxicas, para garantir a mellor calidade posible nos viais”
A concellería de Infraestruturas planifica o pintado tratando de reducir ao máximo os cortes de rúas
Lugo, 26 de agosto de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou hoxe a rolda da República Arxentina, onde se estiveron efectuando traballos dentro do plan de renovación da sinalización horizontal. “Seguimos traballando nesta actuación, que nos permite mellorar a seguridade viaria e a imaxe da cidade”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “para garantir os mellores resultados, os traballos planifícanse segundo as previsións meteorolóxicas”.
Toda a sinalización horizontal que se está a pintar está adaptada aos cambios realizados na ordenanza de circulación, destinados a evitar resbalóns aos peóns e aos vehículos de dúas rodas. Nos pasos de peóns regulados por semáforo só se pintan os límites, deixando a zona interior descuberta para evitar resbalóns. No caso dos pasos non regulados por semáforo, déixase unha das liñas sen pintar para evitar tamén resbalóns de motos e bicicletas. Nas prazas para persoas con mobilidade reducida agrándase o tamaño e píntase unha superficie menor.
Desde a concellería de Infraestruturas planifícase o pintado tratando de reducir ao máximo os cortes nas rúas. “Malia que pode haber momentos puntuais nos que se poida producir algunha restrición na circulación, tratamos de facilitar ao máximo o acceso da veciñanza ás distintas zonas”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza de toda a cidade”.