NA XUNTANZA VALORARASE A VOLTA DO RECINTO FEIRAL DO SAN FROILÁN
Maite Ferreiro convoca á Comisión de Festas para unha xuntanza o vindeiro 1 de setembro
Maite Ferreiro: "buscaremos o consenso de todos os grupos da corporación para a volta do recinto feiral este ano"
Lugo, 24 de agosto de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o vindeiro mércores terá lugar unha nova xuntanza da Comisión de Festas para poñer en común as distintas posicións dos grupos municipais de cara ao San Froilán 2021.
Na xuntanza, que terá lugar este mércores 1 de setembro, valorarase a volta do recinto feiral nesta edición do San Froilán. A edil de Cultura lembrou que "queremos acordar con todos os grupos da corporación unha decisión de gran peso de cara á organización do San Froilán". Ademais, a edil de Cultura informará dos avances realizados na contratación do alumeado e da produción.
A edil de Cultura lembrou que os grupos municipais poden achegar na comisión as súas propostas para pregoeira e oferente a Rosalía, ademais de propoñer grupos para os concertos deste ano.
A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.