Felipe Rivas: “a pouco máis de 10 días para o inicio do curso seguimos sen un protocolo definitivo”
O edil de Educación criticou que “desde os concellos non podemos planificar os servizos que imos ter que dar aos centros de ensino”
“Un ano despois seguimos vendo como o goberno da Xunta improvisa ante o inicio do curso”, afirmou o edil de Educación
Lugo, 27 de agosto de 2021. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, pediu á Xunta que publique os protocolos sanitarios a aplicar nos centros de ensino de cara ao inicio do curso. Felipe Rivas afirmou que “estamos a pouco máis de 10 días para o inicio do curso e seguimos sen un protocolo definitivo”.
“A ausencia de protocolos estanos a impedir planificar os distintos servizos que desde o Concello de Lugo damos aos centros de ensino”, explicou o edl de Educación, que engadiu “aínda non sabemos como van poder realizarse cuestións como as actividades extraescolares ou como se van organizar os comedores escolares para este curso”. Felipe Rivas afirmou que “tampouco sabemos cales van ser os requisitos de limpeza dos centros neste curso”.
Felipe Rivas lembrou que “no curso pasado vimos unha situación similar, con cambios de protocolo a semana anterior ao inicio do curso”. “Un ano despois seguimos vendo como o goberno da Xunta sigue improvisando o inicio de curso”, sentenciou o edil de Educación.