Os centros de ensino de Lugo retoman as actividades extraescolares presenciais
A concellería de Educación ofertara 74 horas semanais de actividades gratuitas nos centros públicos
Rubén Arroxo: “incrementamos o prezo do contrato para mellorar as condicións do persoal que imparte as actividades”
Lugo, 13 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de aprobar a contratación das novas actividades extraescolares para o curso 2021-22. Arroxo explicou que “este ano retomamos as actividades presenciais, avanzando na recuperación da normalidade máis mantendo todas as medidas sanitarias marcadas polos protocolos vixentes”.
A concellería de Educación inviste 49.100€ na prestación deste servizo, o que permitirá “mellorar as condicións do persoal que traballa nestas actividades”, segundo declarou o Tenente Alcalde. Rubén Arroxo destacou a “colaboración” entre o concello, as direccións dos centros e as anpas para manter este servizo que permite facilitar a conciliación familiar, ao manter os centros educativos abertos ata as 18 horas.
As actividades a ofertar este ano son similares a anos anteriores, incluíndo baile tradicional, baile moderno, patinaxe, xadrez, pintura e actividades de animación á lectura e contacontos, adaptadas ás medidas sanitarias vixentes na actualidade.