Comeza a iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola Área de Cultura e a AELG, en varios institutos de Lugo
Maite Ferreiro: “queremos promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua”
Maite Ferreiro visitou ás estudantes do IES Muralla Romana, que deron comezo á actividade cunha actuación de Lois Pérez e Aldaolado
Lugo, 14 de abril de 2021. A edil de cultura, Maite Ferreiro, xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo participaron esta mañá na presentación da iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Maite Ferreiro explicou que “con esta iniciativa queremos promover o uso do galego entre a mocidade, e promover a creación literaria e artística a través da lingua”.
Durante os vindeiros 21 días, o estudantado destes dous centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen entrarán no sorteo de material electrónico e varios lotes de libros de literatura galega, ademais de distintos Agasallos.
A presentación de hoxe contou coa actuación musical en directo de Aldaolado e Lois Pérez, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán un fin de festa no que se realizará un intercambio de experiencias de todas as estudantes participantes, e varias actuacións en directo.
Maite Ferreiro explicou que “nos últimos días vimos de coñecer un novo informe do Consello de Europa que alerta sobre a situación do galego entre a mocidade, especialmente no eido do ensino”. “Desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter esta situación e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “agardamos conseguir a colaboración de máis centros nas vindeiras edicións do certame”.