Olalla Rodil “A Xunta mantén pechado o servizo de doazón de sangue do HULA, o que este ano estivo aberto só 4 días”
O servizo de doazón abriu de forma intermitente debido á precariedade que o PP na Xunta impón ás traballadoras
O BNG levará ao Parlamento galego iniciativas para que se garanta o funcionamento do servizo de doazón
Lugo, 14 de abril de 2021. A viceportavoz do BNG e deputada por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, denunciou a xestión do Partido Popular á fronte da Xunta en referencia ao funcionamento do servizo de doazón de sangue de Lugo, concretamente no HULA, o que desde novembro de 2020 estanse a producir peches por mor da falta de facultativos no servizo.
Por esta razón, o BNG presentará no Parlamento galego iniciativas para que se garanta o funcionamento do servizo, cubrindo as tres prazas adicadas a esta función, e así, poña freo a inestabilidade do servizo como a precariedade a que están actualmente as traballadoras e traballadores.
Olalla Rodil declarou que “desde novembro de 2020 a falta de persoal impide o funcionamento normal do servizo, neste 2021 o servizo estivo pechado 54 días, é dicir, só estivo aberto 4 días”. Neste senso, Rodil subliñou que moitas das traballadoras e traballadores que exercen en doazóns están contratados de forma temporal, o que “a Xunta sostén na precariedade un servizo que salva vidas“ subliñou.
A viceportavoz do BNG fixo fincapé en que “isto é insostíbel, a necesidade de sangue non entende de días da semana ou de condicións administrativas, precísase sempre” ao que engadiu “a propia Xunta fai campañas para animar a doar, o cal é inadmisíbel que xente que queira doar sangue teña o centro pechado, por iso desde o BNG reclamamos que ten que funcionar como merece”