Infraestruturas transformará a rúa Luís Seoane, aplicando o modelo de plataforma única
Rubén Arroxo: “este modelo que demostrou a súa viabilidade en rúas estreitas e está xa a funcionar noutras cidades”
Esta conversión permitirá gañar un espazo para as persoas, sen perder prazas de estacionamento, e ten un orzamento de licitación de 470.000€
Lugo, 13 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou do inicio da contratación da renovación da rúa Luís Seoane, no barrio da Milagrosa. “Trátase dun proxecto importante para a mellora estética do barrio da Milagrosa, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, un modelo que está a funcionar noutras cidades e que demostrou a súa viabilidade en rúas estreiras”, explicou Rubén Arroxo. O modelo de Plataforma Única, permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil, sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento.
A Xunta de Goberno Local aprobará este mércores a apertura do procedemento de licitación desta actuación, que terá un orzamento máximo de 470.000€ e un prazo de execución de 5 meses. Xunto coa transformación da rúa, renovaranse tamén os servizos soterrados, como o alumeado, cuxa instalación se soterrará, e prepararse tamén o sistema de canalizado para facilitar o soterramento das instalacións de electricidade e telefonía.
Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual. Rubén Arroxo explicou que “o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético”.