Comeza a preparación do cambio de tráfico na contorna da Mosqueira
O cambio de tráfico terá lugar o vindeiro 1 de xuño
Rubén Arroxo: "nos vindeiros días realizaranse os traballos de premarcado e replanteo, para que o día do cambio a sinalización esté lista"
Lugo, 24 de maio de 2021. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou o inicio dos traballos previos ao cambio de tráfico na contorna da Mosqueira, previos ao inicio da peonalización o vindeiro día 1. Arroxo explicou que “estanse a realizar traballos de premarcado e replanteo, para garantir que o día 1, cando se corte a Mosqueira, o cambio de sinalización esté listo e se poida circular sen problemas polo novo itinerario”.
Os traballos que se realizarán nos vindeiros días inclúen varias rúas da contorna, entre as que se atopan a praza Xaquín Lorenzo “Xocas”, e os seus entronques con Rodríguez Mourelo e rúa Vilalba, ademais da avenida Ramón Ferreiro, Salvador de Madariaga, praza de Bretaña, rúa Dinán, rúa Galiza, rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Aviador Parga Cerezo, rúa Cidade de Vigo, praza da Constitución, rúa Anxo López Pérez, rúa Hermanitas e rúa San Roque.
Esta nova ordenación das rúas permitirá tamén gañar algo máis de 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos a pé do centro da cidade", lembrou Rubén Arroxo.
Cambios de tráfico
O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasará a ter unha rotonda que axilizará o tráfico, que poderá continuar por Ramón Ferreiro ou Rodríguez Mourelo, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiará de sentido. Para continuar cara a San Roque, o itinerario percorrerá por Salvador de Madariaga, que cambiará de sentido ,continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, onde se poderá coller cara a rúa das Hermanitas, que levará a San Roque ou á rúa Cidade de Vigo, que cambiará tamén de sentido para comunicar co aparcadoiro disuasorio do Seminario Menor.