O Goberno de Lugo renova o firme do lugar da Torre, no barrio de Albeiros
Alexandre Penas: "trátase dunha solicitude das veciñas e veciños, que precisaba de mantemento debido ao avanzado estado de desgaste que presenta”
A concellería de Infraestruturas renovará a capa de rodadura con mestura bituminosa en quente
Lugo, 24 de maio de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou a renovación do firme do Lugar da Torre, no barrio de Albeiros. Penas explicou que “esta rúa atópase nun avanzado estado de deterioro debido a que a pavimentación actual ten xa moitos anos”.
A solución que aplicará a concellería de Infraestruturas consiste na aplicación dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, xunto co pintado de nova sinalización horizontal e a instalación de novos sinais verticais de indicación. Alexandre Penas explicou que “esta solución asegurará un selado do firme ante a acción da auga, e unha prolongada duración do traballo realizado”
“Con esta intervención pretendemos solucionar desta maneira unha solicitude que a veciñanza da contorna nos fixo chegar, para mellorar a súa calidade de vida”, afirmou Alexandre Penas.
A concellería de Infraestruturas contratou esta actuación xunto con varias renovacións de asfalto na zona norte da cidade. Alexandre Penas explicou que “un dos eixos do traballo que realizamos desde a concellería de Infraestruturas é atender aos distintos barrios para que todas as veciñas e veciños teñan acceso a instalacións públicas de calidade”.