Completada a renovación do asfalto do aparcadoiro exterior do Cemiteiro Municipal
Alexandre Penas: “seguimos a traballar para consolidar o Cemiterio de Lugo como un referente dos cemiterios patrimoniais”
O Goberno de Lugo investiu 71.722€ nesta actuación
Lugo, 18 de setembro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Alexandre Penas, xunto coa edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron o Cemiterio Municipal, onde o Goberno de Lugo vén de renovar do aparcadoiro exterior desta instalación municipal. “Trátase dos viais que unen o cemiterio coa estrada de Esperante e coa Estrada Vella de Santiago, unha zona cuxo asfalto estaba moi desgastado e que fixo preciso realizar unha actuación integral para garantir unha boa calidade”, explicou Alexandre Penas.
A solución executada polo Goberno de Lugo consiste na aplicación dunha nova capa de rodadura, baseada en mestura bituminosa en quente cun espesor medio de 5 cm. Estes traballos supoñen un investimento de 71.722€, e incluíron a renovación da sinalización horizontal.
Alexandre Penas destacou o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía nos últimos anos para garantir as mellores condicións posibles no Cemiterio Municipal. “Durante o 2020 ampliamos o cemiterio, primeira ampliación que se fai desde o 2006, e nos últimos anos consolidouse a programación cultural, que se realiza de xeito estable durante todo o ano”, afirmou o concelleiro, que engadiu “continuamos a traballar na mellora do Cemiterio para consolidalo como un referente internacional no eido dos cemiterios patrimoniais”.
O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu ás antigas instalacións de Magoi. A versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.