Rubén Arroxo: “nos últimos 3 anos a mobilidade sufriu unha intensa renovación en Lugo”
O responsábel de Mobilidade do Concello repasou os cambios realizados neste eido coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade
O novo modelo urbano de Lugo será protagonista da Placemaking Week Europe, que se celebrará en Pontevedra a vindeira semana
O bus urbano será gratuíto o vindeiro xoves, Día Europeo Sen Coches
Lugo, 19 de setembro de 2022. Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, o Tenente Alcalde de Lugo e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, fixo un balance dos cambios executados polo Goberno de Lugo no presente mandato. Arroxo explicou que “nos últimos 3 anos a mobilidade en Lugo pasou polo maior proceso de renovación das últimas décadas, con cambios profundos que melloran o día a día da veciñanza”, e engadiu “a tranformación dos buses, o calmado do tráfico ou a creación de novos espazos peonís foron os eixos sobre os que se vertebrou a mellora da mobilidade que xa podemos desfrutar en todo o tecido urbano de Lugo”.
Arroxo destacou accións como o plan de calmado de tráfico que se puxo en marcha a comezos do mandato, creando pasos de peóns elevados en todos os entornos escolares da cidade, “e que despois se foi expandindo ao resto da zona urbana ata chegar actualmente a máis de 50 zonas dun tráfico calmado e máis amable cos peóns”, afirmou o Tenente Alcalde.
O calmado de tráfico permitiu a posta en marcha de vieiros escolares seguros en dous centros escolares da cidade durante o curso pasado, actividade que se retomará neste curso escolar.
“Xunto co tráfico calmado, traballamos por gañar espazos para as persoas, con actuacións executadas no centro da cidade e nas distintas zonas urbanas e periurbanas, tanto peonalizando como habilitando plataformas únicas, un elemento novidoso en Lugo que está a demostrar a súa funcionalidade”, explicou Rubén Arroxo. A área de Mobilidade executou nestes anos a peonalización de Quiroga Ballesteros, da Mosqueira e de Recatelo, e construíu plataformas únicas no barrio de Fingo, na Milagrosa e no Castiñeiro. A área de Mobilidade continúa a traballar na mellora dos espazos peonís, con actuacións como a peonalización de Gallego Tato.
O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.
Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a 30 minutos de frecuencia.
Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.
O bus urbano de Lugo é o máis barato das cidades galegas, e o terceiro máis barato de todo o estado. A área de Mobilidade continúa a promocionar o bus urbano entre a veciñanza, poñendo en marcha a partir deste xoves, poñendo en marcha unha serie de bonificacións no prezo do billete do bus.
As novas bonificacións do 30% no billete, aplicaranse a partir do 22 de setembro, e durarán ata o 31 de decembro. As persoas que durante este período utilicen o bus urbano pagando coa tarxeta cidadá, poderán viaxar en bus por só 31 céntimos, mentres que o billete bonificado (mocidade, estudantes, persoas desempregadas, pensionistas e minusválidas) custará 21 céntimos, sendo gratuítos todos os transbordos. Os descontos só se aplicarán utilizando a Tarxeta Cidadá. Arroxo anunciou que o vindeiro xoves, Día Europeo Sen Coches, o bus urbano será gratuíto.
Placemaking Week Europe 2022
“Lugo participará neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.
Lugo acudirá á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos.
A Placemaking Week Europe é a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. Anualmente, compártense experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.
A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos en mobilidade.
Semana Europea da Mobilidade
A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña de concienciación que busca sensibilizar á poboación en canto ao uso do transporte público e os medios de transporte alternativos. Celébrase anualmente desde o 2002 e, no 2022, colle o lema Mellores Conexións, co obxectivo de destacar e fomentar as sinerxias entre as persoas e os lugares para concienciar sobre a mobilidade sostible, e promover o cambio de comportamento a favor da mobilidade activa.
Día Europeo sen Coches
A celebración do Día sen Coches remóntase ao ano 1994, coas cidades de Reikiavik en Islandia, La Rochelle en Francia e Bath no Reino Unido exercendo como pioneiras desta iniciativa. No ano 1997, Gran Bretaña celebrou a nivel estatal o Día Sen Coches, sendo o primeiro estado en impulsar a celebración desta data. A Comisión Europea declarou no ano 2000 o Día Europeo sen Coches, como data de remate da Semana Europea da Mobilidade, que ten como obxectivo concienciar á poboación do uso do transporte público e dos medios de transporte alternativos, reducindo a dependencia do vehículo privado.