RUBÉN ARROXO: “ESTE TIPO DE XESTOS NON SUBSTITÚEN O PAPEL QUE DEBEN EXECUTAR AS INSTIUCIÓNS”
As concelleiras do BNG doan 5.000€ a Aliad-Ultreia para axudar a mulleres en situación de risco
Os 5 edís, que forman, parte do goberno municipal no concello de Lugo, súmanse ás iniciativas do grupo do BNG no Parlamento Galego e do representante do Bloque nas cortes do Estado
Lugo, 18 de abril de 2020. Os cinco concelleiros e concelleiras que compoñen o grupo municipal do BNG doaron un total de 5.000€ á asociación Aliad-Ultreia. Segundo indicou Rubén Arroxo, “cada un dos concelleiros e concelleiras do BNG doamos 1.000€ que serán destinados a axudar a mulleres en situación de risco”.
A doazón individual de cada edil dedicarase a cubrir as necesidades básicas das mulleres que están máis desprotexidas coa situación de alarma actual. “Ademais colaboramos cun colectivo lucense de recoñecida traxectoria na labor social ao longo dos anos”, afirmou Rubén Arroxo.
“Como organización non cremos neste tipo de medidas, mais hai colectivos que están nunha situación de emerxencia extrema e que precisan de toda a axuda posíbel” explicou Rubén Arroxo, que engadiu “este tipo de xestos non substitúen o papel que deben executar as administracións”. Con esta medida, os concelleiros e concelleiras do BNG de Lugo súmanse ás accións do Grupo Parlamentar e do deputado do BNG no congreso do Estado. “Hai situacións excepcionais como é o caso desta pandemia onde todas as aportacións son importantes e necesarias”, sentenciou Rubén Arroxo.