A Concellería de Infraestruturas acondiciona o barrio xuíz, na contorna do Rato
Alexandre Penas: “trátase dunha intervención importante nunha zona na que hai moitos anos que non se actuou”
“Continuamos a traballar para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños da cidade”, indicou Alexandre Penas
Lugo, 27 de novembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, o barrio Xuíz, onde nestes días se están a realizar os traballos de adecentamento nas distintas rúas. Alexandre Penas afirmou que “agardamos que nos vindeiros días a intervención esté rematada, quedando só pendente a adaptación das distintas tapas dos servizos á nova altura da vía”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas consiste na aplicación dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, xunto co pintado da sinalización horizontal. A concellería de Infraestruturas Urbanas inviste 34.061€ nesta actuación. “Con esta intervención pretendemos solucionar desta maneira unha necesidade que a veciñanza da contorna leva moito tempo agardando e que é necesaria debido ao estado no que se atopaba esta vía”, afirmou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas lembrou que “desde a concellería de Infraestruturas tentamos realizar accións nas distintas zonas da cidade de maneira continuada e planificada”, e agradeceu ás veciñas e veciños “todas as solicitudes de melloras que nos realizan, xa que nos permiten realizar esta planificación para que todo Lugo mellore de maneira uniforme”.