Maite Ferreiro presenta as actividades que celebrarán o XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

As corais do Hospital, Solo Voces e Canter Delas farán un concerto no Gustavo Freire o luns 30

A deseñadora de iluminación Luísa Álvarez realizará unha acción lumínica en distintas portas da Muralla

Maite Ferreiro presenta as actividades que celebrarán o XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

Lugo, 26 de novembro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que desde a área de Cultura se organizan co gallo do XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, que terá lugar o vindeiro luns, 30 de novembro. A edil de Cultura afirmou que “seguimos apostando polas actividades culturais de maneira segura para celebrar unha data tan importante para Lugo como o aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade do noso monumento máis importante”.

A área de Cultura organiza tres concertos, con corais e coa Filharmónica de Lugo, e unha acción visual en distintos puntos da muralla en colaboración coa artista Luísa Álvarez.

As corais do Hospital, Solo Voces e Canter Delas darán un concerto desde o Auditorio Gustavo Freire o vindeiro luns ás 20:30. Baixo o nome 20 pezas para a muralla, as corais realizarán unha homenaxe á muralla, interpretando unha canción por cada ano da nova vida da mesma como patrimonio da humanidade. “A tradición da música coral que hai en Lugo pareceunos o mellor xeito de render unha homenaxe musical á muralla”, explicou Maite Ferreiro. A área de Cultura contará tamén coa Banda Filharmónica de Lugo para esta data. O sábado 5, ás 18 e ás 20 horas, a Filharmónica dará dous pases dun mesmo concerto en homenaxe á Muralla.

As entradas serán de balde e estarán a disposición do público a partir deste xoves 26 ás 16h en entradaslugo.es ou na oficina de turismo. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 2 entradas debido ás limitacións de cabida marcadas polas autoridades sanitarias.

Entre o 27 e o 30 de decembro, entre as 18:30 e as 22:30, as portas da Muralla ubicadas en Bispo Aguirre, San Pedro, Falsa, Miñá, Nova e Santiago acollerán a instalación lumínica A sombra da Muralla, deseñada pola artista Luísa Álvarez para conmemorar este aniversario. “Nas portas da Muralla realizarase unha instalación artística de luz que representará as siluetas de todas as persoas que camiñaron a través dos muros do noso monumento máis preciado, evocando os diferentes períodos polos que pasou a Muralla durante miles de anos”, explicou Maite Ferreiro. A edil de Cultura animou á veciñanza “a fotografar as súas sombras, que quedarán como testemuño da súa presencia na celebración desta data”.

O broche final d’A sombra da Muralla terá lugar na praza de Santa María o luns 30, entre as 18 e as 22 horas, cunha instalación efémera de luz na que, baixo o nome de Trampa de Vagalumes, se agasallará cun vagalume de luz a cada  persoa que se achegue para contar coa participación da veciñanza nesta data.

Luísa Álvarez

Luísa Alvarez, considérase unha artista experimental utilizando a luz como materia prima. Despois de traballar no mundo da luz arquitectural lánzase ás rúas co seu proxecto creativo de instalacións efémeras urbanas. Participou con diferentes traballos e propostas no Museo Guggenheim de Nova York, Museo de Arquitectura de Frankfurt e en diferentes Festivais de Luz internacionais, entre os que se atopan  Fete das Lumieres en Lyon, Glow Light Festival en Washington, Moscú light festival, Marina Bay Festival en Singapore, Light Festival en Shenzen, China e o Festival da Luz de Frankfurt.

No 2010 recibe o Premio Accésits de Iluminación Artística Urbana e Paisaxe, dos Premios Lamp Lighting Solutions.

Maite Ferreiro presenta as actividades que celebrarán o XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade