A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da peonalización da Mosqueira

Infografía
Infografía do proxecto de humanización

Arroxo: “este proxecto servirá como espello para humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo”

O proxecto foi adxudicado por 588.836€, e 8 meses de prazo de execución

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da peonalización da Mosqueira

Lugo, 25 de novembro de 2020.  O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a adxudicación da peonalización da Mosqueira na Xunta de Goberno Local celebrada no día de hoxe. Rubén Arroxo lembrou que “este proxecto será o espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos”.

A actuación foi adxudicada á empresa Hermanos Pico Yañez, que presentou un orzamento de 588.836€ e os traballos terán un prazo de realización de 8 meses. A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. Desde o goberno municipal agárdase iniciar a actuación nos primeiros meses de 2021.

 “Unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, é retirar progresivamente os vehículos da Muralla, dando así solución ás vibracións que están a converterse nun problema para a estrutura, tal e como advertiu o ICOMOS”, explicou Rubén Arroxo.

 

Novo modelo de mobilidade na contorna

A comisión de Tráfico celebrada nos pasados días aprobou a proposta da área de Mobilidade para reordenar o tráfico no entorno da Mosqueira. “Esta nova ordenación das rúas permitirá tamén gañar algo máis de 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos a pé do centro da cidade”, lembrou Rubén Arroxo.

O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasará a ter unha rotonda que axilizará o tráfico que continuará pola avenida Rodríguez Mourelo ou pola avenida Ramón Ferreiro, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiará de sentido.

Para continuar cara a San Roque, deberá collerse a rúa Salvador de Madariaga, que cambiará de sentido, continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, que será dun só sentido e na que se poderá coller a rúa das Hermanitas para chegar a San Roque ou a rúa Cidade de Vigo, que cambiará tamén de sentido para comunicar, mediante o treito da praza da Constitución próximo á estación de autobuses co colexio Maristas e co aparcadoiro disuasorio do seminario menor.

Ademais, instalarase un semáforo para mellorar a seguridade no cruce entre a rúa Salvador de Madariaga e a avenida Ramón Ferreiro. Ademais, converteranse en vías de sentido único as rúas Galicia e Jacinto Calvo, no treito entre a Rúa Galicia e a rúa San Roque, e o treito da rúa Celso Emilio Ferreiro entre a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Galicia pasará a ser de dobre sentido.

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da peonalización da Mosqueira