A concellería de Infraestruturas adxudica a ampliación do pintado da sinalización horizontal e a mellora da seguridade viaria no polígono das Gándaras
Alexandre Penas: “trátase de dúas intervencións que nos van permitir mellorar a seguridade viaria na cidade”
As adxudicacións realizáronse nos últimos días do 2020, cun orzamento de 42.300€ no pintado e 53.423,14€ para o polígono das Gándaras
Lugo, 06 de xaneiro de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas informou da adxudicación, nos últimos días do pasado ano, da ampliación do pintado da sinalización horizontal e da mellora da seguridade viaria do polígono das Gándaras. Alexandre Penas explicou que “a ampliación do pintado permitiranos mellorar a seguridade viaria e a imaxe da cidade, mentres que nas Gándaras se mellorará tamén a fluidez do tráfico”.
A ampliación do pintado foi adxudicada a Aceinsa Salamanca S.A., cun orzamento de 42.300€. O edil de Infraestruturas explicou que “esta ampliación permítenos aumentar o número de rúas nas que se vai renovar a sinalización horizontal, complementando o contrato anterior, que cubría a maior parte das rúas da zona urbana e periurbana”. Segundo Alexandre Penas, “os traballos comezarán cando mellore a situación climatolóxica para garantir a máxima calidade no resultado”.
No polígono das Gándaras, modificarase o ancho da mediana da rúa D, pasando dos 11 metros actuais a 5. Este cambio permitirá crear un novo carril de circulación de 3 metros de ancho en cada un dos sentidos. Segundo Alexandre Penas "isto permitirá mellorar a fluidez do tráfico e aumentar a maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que producirá un aumento da seguridade vial na contorna". A actuación foi adxudicada a Francisco Gómez y CIA S.L, cun orzamento de 53.423,14€.
Toda a sinalización horizontal que se está a pintar está adaptada aos cambios realizados na ordenanza de circulación, destinados a evitar resbalóns aos peóns e aos vehículos de dúas rodas. Nos pasos de peóns regulados por semáforo só se pintan os límites, deixando a zona interior descuberta para evitar resbalóns. No caso dos pasos non regulados por semáforo, déixase unha das liñas sen pintar para evitar tamén resbalóns de motos e bicicletas. Nas prazas para persoas con mobilidade reducida agrándase o tamaño e píntase unha superficie menor.
"Trátase dunha mellora importante para o polígono das gándaras, que a curto prazo atenderá unha demanda das empresas que xa están asentadas e que actualmente teñen problemas coa maniobrabilidade dos camións no momento de acceder ou saír das naves", afirmou o edil de Infraestruturas, que engadiu "de cara ao futuro, coa construción da segunda fase do polígono, esta vía pasará a acoller unha maior cantidade de tráfico, que contará cunha vía de tamaño suficiente como para garantir a circulación fluída".