A concellería de Infraestruturas continúa coa mellora da rede de alumeado público municipal no barrio da Milagrosa
O concelleiro Alexandre Penas explicou que "estamos a mellorar a imaxe das farolas ao mesmo tempo que se renova a sinalización horizontal no barrio"
Durante os últimos anos, o Goberno de Lugo renovou gran parte da rede de alumeado público de Lugo, "apostando polas luminarias LED que reducen o consumo eléctrico"
Lugo, 11 de outubro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo está a realizar unha serie de actuacións no barrio da Milagrosa para mellorar a imaxe da rede de alumeado.
Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas, explicou que "estamos a traballar no repintado das farolas, unha actuación que permitirá garantir a boa imaxe destes elementos no casco histórico, onde ademais cumplen un importante papel na decoración da vía pública". Penas anunciou que “os traballos están a executarse simultaneamente co pintado da sinalización horizontal na zona”.
Alexandre Penas lembrou que "desde a nosa chegada ao goberno fixemos un importante investimento na mellora do alumeado público", e engadiu "nos últimos tres anos investíronse máis de 3 millóns de euros na renovación da rede de alumeado, implantando luminarias LED de baixo consumo, e aplicando a perspectiva de xénero para evitar contar con zonas escuras".