Cristina López presenta o VIII concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo
Cristina López presentou as cinco primeiras actividades organizadas polo Concello de Lugo
O certame premiará tres fotografías con 600, 400 e 200€
Lugo, 16 de outubro de 2021. A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentou unha nova edición do concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo, organizado anualmente polo Goberno de Lugo. Cristina López destacou que “este concurso é xa unha cita marcada no calendario das fotógrafas e fotógrafos de Lugo e na programación anual do cemiterio”.
O VIII Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo terá lugar do 18 de outubro até o 3 de novembro, e nesta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Premiaranse tres fotografías, con 600, 400 e 200 euros cada unha.
Nesta ocasión limítase ao ámbito xeográfico do Concello de Lugo, abranguendo tanto o cemiterio municipal de San Froilán como os cemiterios parroquias existentes.
O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu hai 72 anos ás antigas instalacións de Magoi. Cristina López destacou “a versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo”.