A concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo instala alumeado público na rúa Soto Freire

Alexandre Penas: “melloramos a rede de alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero nunha zona escura da cidade”

Instalaranse luminarias LED de baixo consumo, nunha rúa que non contaba con alumeado público

A concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo instala alumeado público na rúa Soto Freire

Lugo, 15 de xuño de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que se están a instalar novas luminarias na rúa Soto Freire, na zona próxima á estación de autobuses. Penas explicou que “trátase dunha zona que ata o de agora contaba con pouca iluminación, na que imos mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando a perspectiva de xénero”.

 

A concellería de Infraestruturas instalará novas luminarias de 48 LEDs, de 74 W, que permiten cumprir cos requisitos de luminosidade para alumeado exterior cun baixo consumo eléctrico. Alexandre Penas explicou que “seguimos mellorando a rede de alumeado público tratando tamén de reducir o gasto na factura da luz do Concello”.

 

En total, a concellería de Infraestruturas inviste 17.716,09€ nesta intervención, que se unen aos máis de 2.450.000€ que se adicaron durante os últimos dous anos á renovación do alumeado público da cidade, onde se substituíron en moitas zonas luminarias con elementos contaminantes como o vapor de mercurio ou sodio por luminarias LED de baixo consumo e mellor eficiencia enerxética.

 

Actuacións no resto da cidade

 

O Edil de Infraestruturas anunciou tamén que mañá se aprobará a contratación da renovación do alumeado público no grupo da Paz e na Residencia.

 

Na zona da Residencia, renovarase o alumeado das rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón. Trátase de alumeado completamente novo, renovando a infraestrutura existente. Elimínanse en total 50 luminarias de 75, 150 e 250W de distintos tipos altamente contaminantes, como vapor de mercurio ou sodio, mudándose por luminarias LED de distintas potencias segundo a necesidade de cada rúa. O consumo eléctrico pasará de 9.675W a 5.681W, aforrando en total 6.15 Tn de CO2 ao ano..

 

No grupo da Paz renovaranse as luminarias das rúas Pardo de Cela, estralote, carpaza, Santo Domingo da Calzada (zona peonil), Alecrín, Teixo, Acibro, Camelia, Ligustro, Filgueira, Bataneira, Estrelamar, Roseira e Torques. En total substituiranse 48 luminarias de vapor de sodio de alta presión de 150W por 35 luminarias LED de 38W e 13 de 75W. Redúcese a potencia a utilizar de 7200W a 2305W, o que suporá unha reducción de 7.5 toneladas de CO2 ao ano. Nesta intervención aproveitarase a instalación existente, renovando as luminarias e soterrando os cruzamentos aéreos do alumeado.  

A concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo instala alumeado público na rúa Soto Freire