Mobilidade prepara novos folletos informativos do bus urbano, despois de entregarse máis de 35.000 ás veciñas e veciños
Rubén Arroxo: "pódese consultar a información en directo desde cada parada, usando o QR habilitado nos infobuses"
Os folletos informativos poden recollerse nos propios buses, ou nas instalacións do Concello na praza Maior
Lugo, 13 de xuño de 2021. O Tenente de Alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que desde o Goberno de Lugo se reimprimirá o folleto informativo coas novas liñas de bus urbano, despois de entregarse máis de 35.000 copias ás veciñas e veciños. O Tenente Alcalde lembrou que “os folletos informativos poden conseguirse nos propios buses, ademais de ter copias dispoñibles nas instalacións municipais da praza Maior”.
Ademais dos folletos, Rubén Arroxo lembrou que “a información pódese consultar en tempo real desde as 20 paradas que contan con pantalla informativa, e desde o resto de paradas escaneando co móbil o código QR que se atopa nos infobuses”.
O sistema de seguimento en tempo real entrou en funcionamento xunto coas novas liñas, o día 1. Tanto as novas pantallas informativas, que dan información en tempo real, como o sistema de infobus virtual están xa a informar sobre o paso dos vindeiros buses, e co paso dos días mellorarase a precisión da información ofrecida.