ALEXANDRE PENAS: “TRÁTASE DUNHA SOLICITUDE MOI RECLAMADA POLA VECIÑANZA DA ZONA Á QUE QUEREMOS DAR A MELLOR SOLUCIÓN POSÍBEL”
A concellería de Infraestruturas habilitará unha rotonda provisional no cruce de Río Sil coa rúa Conde
A concellería de Infraestruturas Urbanas busca con esta medida mellorar a seguridade dun dos puntos máis conflitivos de Lugo
Lugo, 03 de novembro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou dos cambios de tráfico que se realizarán a partir de mañá no cruce entre as rúas Conde e Río Sil. “Sinalizarase de maneira temporal, utilizando conos, unha rotonda similar á colocada na rúa Mar Cantábrico, para comprobar o funcionamento desta solución”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “cos datos que se recollan nestes días, decidirase se continuar adiante coa sinalización definitiva dunha rotonda ou é preciso buscar outro tipo de solución”.
O concelleiro de Infraestruturas explicou que “tratamos de dar a mellor resposta posíbel a unha solicitude moi reclamada pola veciñanza da zona, que nos ten chegado tanto por veciñas e veciños de maneira individual como polas comunidades de veciños”. Esta solución permitirá tamén responder a outra demanda veciñal, permitindo aos vehículos que circulen en dirección sur desde a rúa rúa Río Sil baixar cara a avenida Infanta Elena.
Alexandre Penas afirmou que “esta zona é un dos puntos con máis colisións de vehículos da cidade e agardamos que con esta solución se mellore a fluidez do tráfico e a sinistralidade da zona”.