Alexandre Penas: “durante o día de mañá abrirase un paso peonil entre Santo Domingo, Lois Peña Novo e a praza Antón Fraguas”
A apertura do paso permitirá recuperar o acceso á praza de Abastos pola praza de Santo Domingo
“O desenvolvemento dos traballos está a avanzar a maior ritmo do previsto”, declarou Alexandre Penas
Lugo, 02 de novembro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, informou dos avances nos traballos de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros. Alexandre Penas declarou que “o avance continúa a maior ritmo do previsto, o que nos permite abrir a partir de mañá novos pases peonís e avanzar nos traballos”.
Durante o día de mañá habilitarase un novo pase peonil no fondo de Santo Domingo que comunicará coas rúas Lois Peña Novo e Antón Fraguas. “Ademais, poderase abrir a porta da praza de Abastos por Santo Domingo”, declarou Alexandre Penas.
A actuación avanzará pola rúa Quiroga Ballesteros, até a intersección co Carril do Mercado, para o que se desprazará a zona de carga e descarga á zona comprendida entre o Carril do Mercado e o Carril do Son, e habilitarase unha nova zona ao fondo da praza de Santo Domingo, ao retirarse o valado na zona rematada. Pecharase o acceso á Praza pola rúa Quiroga Ballesteros, mais manterase habilitado o paso peonil que comunica Quiroga Ballesteros e a praza de Santo Domingo.
“Agardamos que os traballos se poidan desenvolver co mesmo ritmo que até agora”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “trátase dunha previsión, xa que na nova zona a intervir teranse que realizar tamén excavacións arqueolóxicas”.
“Continuamos a mellorar a mobilidade no centro de Lugo, que estará pensada para as persoas”, declarou Penas, que engadiu, “a conversión en áreas de paseo zonas tan emblemáticas como a Mosqueira ou Quiroga Ballesteros marcarán un antes e un despois na cidade” afirmou Alexandre Penas.