O Concello de Lugo aproba, a iniciativa do BNG promover a prolongación ao 2021 do día das Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero
O acordo plenario trasladarase á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega
Maite Ferreiro: “o confinamento e as distintas medidas posteriores impediron conmemorar a figura de Carvalho Calero”
Lugo, 26 de outubro de 2020. O pleno do concello de Lugo vén de aprobar a iniciativa do BNG para prolongar ao 2021 o día das Letras Galegas adicado a Carvalho Calero. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, defendeu esta proposición “dado que as distintas medidas derivadas da crise sanitaria impediron conmemorar a Carvalho Calero e afectaron ás distintas actividades socioculturais vinculadas á celebración das Letras Galegas, especialmente no ámbito do ensino”.
Maite Ferreiro afirmou que “a celebración das Letras Galegas o 17 de maio é unha das efemérides culturais do calendario anual que gozan de maior recoñecemento social”, e lembrou “o compromiso do BNG coa celebración do Ano Carvalho Calero”, dado que a Fronte se sumou no mes de abril ao resto do tecido cultural galego que reclamaba prolongar a conmemoración de Carvalho Calero ao ano 2021.
O acordo do pleno trasladarase á Real Academia Galega e á Xunta de Galiza. “Resulta evidente que, xa no último trimestre do ano e sen plenas garantías sanitarias, a crise provocada pola COVID-19 fai imposíbel o desenvolvemento do ano Carvalho Calero con normalidade”, sentenciou Maite Ferreiro.