Felipe Rivas: “o Concello de Lugo garante a gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo”
O edil de educación afirmou que “na pasada comisión de Cultura, Educación e Infraestrutruras se respostou ao rogo presentado polo Partido Popular”
O concello deixará de ingresar mensualmente 5.000€ que, segundo o edil de Educación “a Xunta non bonificará ata comezos do vindeiro ano”
Lugo, 29 de outubro de 2020. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, afirmou, en resposta ás declaracións do Partido Popular, que “desde o concello de Lugo garantimos no inicio deste curso a gratuidade das escolas infantís municipais para o segundo fillo e sucesivos”. “Nas últimas comisións de Cultura, Educación e Infraestruturas, onde están presentes tres edís do PP, xa demos resposta acerca desta bonificación e a súa aplicación no vindeiro curso”, declarou Felipe Rivas, que engadiu, “os concelleiros do PP deberían falar entre eles antes de facer declaracións á prensa”. O concello xa comezou a aplicar esta medida co cobro das primeiras cotas do curso 2020/2021.
Felipe Rivas lembrou que “as escolas infantís municipais teñen unhas taxas inferiores ás da Xunta de Galiza”, e engadiu que “desde o anuncio da gratuidade das escolas para o segundo fillo, por parte da Xunta de Galiza comezamos a traballar para, de cara ao inicio deste curso, poder aplicala aínda sen saber como ía ser o procedemento que ía seguir a Xunta para bonificalo ao concello”.
O edil de Educación criticou que “a Xunta de Galiza bonifique esta taxa aos concellos de maneira anual”. Para Felipe Rivas, “no ano 2021 teremos que afrontar unha merma de ingresos aproximada de 50.000€, que non recibiremos até o comezo do 2022, o que suporá aumentar o esforzo que anualmente realizamos en cubrir competencias da Xunta das que non se está a responsabilizar”.