A área de Mobilidade iniciará o procedemento de contratación de San Eufrasio tras a cesión por parte da Xunta
Rubén Arroxo: “traballamos á maior velocidade posíbel para mellorar a seguridade dun dos cruces máis perigosos de Lugo”
A concellería de Infraestruturas proxectou o investimento no suplemento de crédito aprobado en xullo
Lugo, 28 de outubro de 2020. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados pola concellería de Infraestruturas de cara á construción da rotonda en San Eufrasio. “Vense de publicar no Diario Oficial de Galiza a cesión do treito da estrada, o que nos permite comezar a traballar na contratación da obra”, explicou Rubén Arroxo. Arroxo informou que “esta actuación permitirá mellorar o funcionamento da intersección e aumentar a seguridade vial, eliminando un punto negro da cidade”.
“O proxecto está listo para comezar o procedemento de contratación”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “hoxe mesmo iniciaremos os trámites previos para poder levar a contratación canto antes á Xunta de Goberno”. O proxecto sairá a licitación por un máximo de 153.031,59€.
Plano da rotonda
Os estudos realizados durante a redacción do proxecto de obra comparan a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, tempos de demora, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total de cada parada, tendo en conta os momentos de maior fluidez de tráfico. Nas conclusións calcúlase que a lonxitude da cola media de vehículos e os tempos de parada teñen unha diminución case total, o que produce diminucións significativas nos tempos de viaxe e demora, e no número de paradas dos vehículos.
A rotonda eliminará os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente segundo o itinerario a seguir, e aumentará a distancia de visibilidade, que actualmente é inferior á distancia de cruce, o que en conxunto mellorará a seguridade viaria da contorna.
“Desde a chegada do BNG ao goberno municipal fixemos da actuación en San Eufrasio un dos eixos de traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas”, explicou Rubén Arroxo. No ano 2019, o persoal técnico municipal e o persoal da Xunta de Galiza mantiveron xuntanzas para avanzar neste proxecto. No mes de outubro do 2019, o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, comezou o proceso de xeito institucional, enviando un primeiro escrito á Xunta de Galiza. Unha vez recibida a resposta, e con toda a documentación preparada, a Xunta de Goberno Local solicitou formalmente a cesión do vial, proceso que se completa hoxe coa publicación no DOG da cesión do mesmo.