A concellería de Infraestruturas incrementa a iluminación en Albeiros e avanzará na mellora doutros barrios
Iluminaranse as rúas Yáñez Rebolo, Padre Gómez e Fontelo, colocando novas farolas e substituíndo luminarias obsoletas
Instalaranse luminarias LED, que aportarán unha mellora na visibilidade e un aforro enerxético
Lugo, 01 de febreiro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e representantes dos colectivos veciñais, visitaron o barrio de Albeiros, onde nos vindeiros días comezarán as melloras da iluminación no barrio de Albeiros. “Melloraremos as luminarias actuais de Yáñez Rebolo, e instalaremos nova iluminación nas rúas Padre Gómez e Fontelo”, indicou Alexandre Penas.
“A nova iluminación mellorará as actuais luminarias, xa que contarán coa tecnoloxía LED, que ten un menor consumo enerxético”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “temos como obxectivo con esta actuación aumentar a visibilidade do entorno, mellorando ao mesmo tempo a seguridade da veciñanza da contorna”.
A concellería de infraestruturas investirá 45.506,01€ nesta actuación e, segundo indicou Alexandre Penas “contamos con que esté rematada durante o mes de abril”. O edil de Infraestruturas explicou que “esta é unha das actuacións que temos planificadas para mellorar os barrios da cidade e avanzar de cara a reducir o consumo enerxético”.