A concellería de Infraestruturas Urbanas informa do remate das actuacións da rúa Río Sar, que abrirá ao tráfico durante a fin de semana
Alexandre Penas: “co remate desta actuación, desde a área de Infraestruturas Urbanas renovamos o firme de todas as rúas do barrio da Cheda”
A concellería de Infraestruturas Urbanas investiu 34.182,50€ nesta actuación
Lugo, 06 de xuño de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou de que, co final dos traballos de adecentamento e asfaltado na rúa Río Sar, a concellería de Infraestruturas Urbanas realizou unha renovación da totalidade das rúas do barrio da Cheda. Segundo afirmou Alexandre Penas, “o inicio desta actuación estaba previsto para iniciarse no mes de marzo, mais a crise sanitaria do COVID-19 obrigounos a pospoñelo até maio”.
A concellería de Infraestruturas Urbanas realizou na rúa Río Sar un asfaltado con mestura en quente que contou cun orzamento de 34.182,50 euros. Alexandre Penas informou que “durante esta fin de semana volverase abrir a rúa á circulación de tráfico, completándose a totalidade o proxecto de renovación deste barrio que iniciamos durante o ano pasado”.
Con esta intervención, o concello de Lugo e a Área de Infraestruturas garanten as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. Para a área de Infraestruturas, os barrios periféricos teñen que ter as atencións necesarias. Alexandre Penas afirmou que “podemos facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloren a calidade de vida das persoas”.