A concellería de Infraestruturas Urbanas realiza adaptacións en beirarrúas de distintos puntos da cidade
Alexandre Penas: “trátase dunha actuación necesaria para favorecer a accesibilidade aos distintos puntos da cidade”
A actuación ten un custo de 35.090€ e un prazo de realización de 7 semanas
Lugo, 20 de novembro de 2020. O edil de Infraestruturas Urbanas informou de que no día de hoxe comezou a realización dunha nova intervención en distintas rúas da cidade para mellorar a accesibilidade. Alexandre Penas informou que “con esta actuación realizaranse adaptacións nos bordes de múltiples beirarrúas, que van desde rebaixes, adaptacións específicas para persoas con mobilidade reducida e completar beirarrúas que estaban sen concluír”.
A concellería de Infraestruturas Urbanas adaptará a altura das beirarrúas e as baldosas instaladas en distintos puntos das rúas Xulia Minguillón, Avenida da Coruña, Yañez Rebolo, Amizade, Quiroga, Eduardo Pondal, Estrada da Granxa e Sargadelos. A actuación adxudicouse por 35.090€, cun prazo de realización de 7 semanas.
Alexandre Penas lembrou que “desde a concellería de Infraestruturas traballamos nos distintos barrios da cidade, en moitos casos en zonas nas que se levaba anos sen realizar ningunha actuación, mellorando a estética da zona e as condicións de vida da veciñanza”.