A área de Cultura realiza unha intervención artística na Avenida da Coruña, continuando co festival de arte Culturbán
Maite Ferreiro: “trátase dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social”
A artista Lidia Cao realizará un mural á altura do número 228 da Avenida da Coruña
Lugo, 20 de novembro de 2020. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa co festival de arte urbano Culturbán, que se iniciou o mes pasado coa realización dun combate de murais ao aire libre. A artista Lidia Cao foi a escollida para continuar coas intervencións artísticas, realizando un mural realizará un mural á altura do número 228 da Avenida da Coruña. “O obxectivo destas intervencións é conseguir un Lugo vangardista, participativo e amable, ao mesmo tempo que damos a oportunidade aos artistas locais para que colaboren na decoración da cidade”, explicou Maite Ferreiro.
O festival de arte Culturban é unha mostra de arte urbana que propón explorar a contorna a partir de intervencións artísticas que transformen a cidade. “Trátase dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “trátase dunha experiencia única xa que durante todo o proceso creativo se usarán as rúas de Lugo, tanto como taller de traballo, como lenzo e como galería”.