O FOTOMATÓN GRATUÍTO “A MURALLA E TI”, QUE XA LEVA 300 FOTOS, VOLVERÁ ESTAR DISPOÑÍBEL O VINDEIRO SÁBADO

O Concello celebra con seis actividades o XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade

As actividades comezarán o 22 de novembro e rematarán o 3 de decembro

O Concello celebra con seis actividades o XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade

Lugo, 25 de novembro de 2019. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de facer públicos os actos que dende a Concellería se organizan co gallo do XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Unha serie de actividades lúdicas e formativas que teñen como obxectivo, segundo declarou Maite Ferreiro, “lembrar a implicación das institucións e da veciñanza de Lugo para conseguir que a nosa Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade”. Maite Ferreiro animou a todas as veciñas e veciños de Lugo “a gozar da muralla e a asistir ás distintas actividades que celebran esta data tan sinalada para a cidade”.

O vindeiro mércores 27 de novembro, ás 18 horas, o patio do Vello Cárcere acollerá á artista Luz Darriba, que inaugurará a súa exposición “Amurallando os soños II Cumulum 2000 – 2019”, que tratará sobre a acción realizada pola artista no ano 2000.

O sábado 30, o día do XIX aniversario, o fotomatón gratuíto “A Muralla e Ti”, que nesta fin de semana realizou xa 300 fotos de veciñas e veciños que quixeron colaborar a construír unha muralla de persoas, volverá estar instalado na praza Maior de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. A partir das 13 horas, a Banda Filharmónica Infantil realizará un concerto diante da Mosqueira que, en caso de choiva, será trasladado ao patio do Vello Cárcere. A xornada rematará co concerto de Solo Voces, “Que  o Camiño nos leve a atoparnos”, ás 19:30 horas no patio do Vello Cárcere.

As actividades rematarán o vindeiro martes, 3 de decembro, no Auditorio do Vello Cárcere onde, a partir das 19 horas terá lugar a mesa redonda “Implicación das institucións na consecución do recoñecemento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade”, moderada por Rubén Arroxo, e que contará con Branca Rodríguez Pazos e Cándido López Castiñeira. Ás 20 horas, Adolfo de Abel Vilela impartirá unha conferencia baixo o título “O dilema histórico da importancia da Muralla como monumento”.

O Concello celebra con seis actividades o XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade