RUBÉN ARROXO, ALCALDE EN FUNCIÓNS, XUNTO CON CRISTINA LÓPEZ, CONCELLEIRA DE PARTICIPACIÓN E FROILÁN PALLÍN E LUCÍA ANIDO EN REPRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN ADEGA, PRESENTARON A INICIATIVA QUE SE DESENVOLVERÁ O VINDEIRO SÁBADO

O Concello de Lugo e ADEGA organizan unha xornada de voluntariado para a limpeza das praias ante o verquido de pellets de plástico

Rubén Arroxo, Alcalde en Funcións, xunto con Cristina López, concelleira de Participación e Froilán Pallín e Lucía Anido en representación da Asociación ADEGA, presentaron a iniciativa que se desenvolverá o vindeiro sábado

50 persoas poderán anotarse para colaborar coa limpeza do areal de Llas, no concello de Foz

Arroxo: "Moitas veciñas e veciños de Lugo buscan información para colaborar coa limpeza das praias ante o verquido deste material"

O Concello de Lugo e ADEGA organizan unha xornada de voluntariado para a limpeza das praias ante o verquido de pellets de plástico

 

Lugo, 16 de xaneiro de 2024. O Alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación, Cristina López, e Froilán Pallín e Lucía Anido en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ADEGA, anunciaron que o Concello de Lugo facilitará á veciñanza a realización de voluntariado nas praias galegas para colaborar coa recollida dos pellets de plástico que están a aparecer ao longo da costa. Rubén Arroxo declarou que "con esta acción facilitamos que todas as veciñas e veciños que o desexen poidan colaborar de xeito voluntario coa limpeza do verquido de plástico que está a afectar ás nosas praias".

A xornada terá lugar o vindeiro sábado, 20 de xaneiro, no areal de Llas, no concello de Foz. O Concello de Lugo e ADEGA habilitarán un bus, que sairá ás 10:00 da facutade de Formación do Profesorado, e que chegará ao areal ás 11:30. O remate da xornada está previsto para as 14:30, e a volta a Lugo ás 15:45. As inscripcións poderán realizarse a través do formulario habilitado na web e nas redes sociais de ADEGA.

A actividade conta con 50 prazas para voluntarias que recibirán formación no protocolo de recollida de pellets, ademais de todo o material necesario para o desenvolvemento da limpeza e para manter a súa seguridade en materia de saúde. Seguindo o principio de precaución, ADEGA dotará ao voluntariado de luvas homologadas para a manipulación de produtos perigosos.

O protocolo de limpeza do lixo mariño elaborado por ADEGA inclúe especificacións concretas para a retirada adecuada de pellets de microplástico das praias. Algunhas das recomendacións pasan por acudir aos areais en grupos reducidos, realizar a limpeza de pellets nas horas de baixamar, empregar luvas de seguridade e evitar achegarse ás zonas ambientalmente máis sensibles. Aconséllase, igualmente, utilizar a técnica de varrido na area compactada cun cepillo para, posteriormente, metelos nuns recipientes con auga e eliminalos cun coador cunha luz de malla de entre 2 e 3 mm. Débese pisar o menos posible a zona a limpar, dirixindo o avance do grupo na mesma dirección. A recollida do material retirado debe facerse en bolsas específicas debidamente etiquetadas, e non mesturar os pellets con outro tipo de residuos.

O Concello de Lugo e ADEGA organizan unha xornada de voluntariado para a limpeza das praias ante o verquido de pellets de plástico