O ACTO CENTRAL SERÁ UN CANTO POPULAR ABERTO QUE TERÁ LUGAR O VENRES 25 DE ABRIL ÁS 19:30 HORAS E NO QUE PARTICIPARÁN CORAIS LOCAIS
O Concello de Lugo celebrará o 25 de abril cun canto popular de “Grândola, Vila Morena” na Mosqueira

O acto central será un canto popular aberto que terá lugar o venres 25 de abril ás 19:30 horas e no que participarán corais locais
Rubén Arroxo, en resposta aos medios: “Dende o Concello de Lugo foron presentadas solicitudes ao longo dos últimos anos para que a Xunta incremente a súa implicación nas festas"
Lugo, 22 de abril de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e os directores musicais de corais Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, presentaron hoxe en rolda de prensa os actos que o Concello de Lugo organizará para conmemorar o 25 de abril, Día da Revolución dos Caraveis.
O acto central será un canto popular aberto da canción Grândola, Vila Morena, que terá lugar o vindeiro venres 25 de abril ás 19:30 horas na Mosqueira. “A cidadanía lucense está convidada a participar nesta homenaxe colectiva, que estará dirixida polos propios Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes no ámbito coral da cidade”, explicou a concelleira de Cultura.
Rubén Arroxo indicou que a celebración, conducida polo xornalista Félix Jorquera, “incluirá o reparto de caraveis vermellos, símbolo da revolución portuguesa, así como copias da letra da canción, co obxectivo de favorecer a participación activa de todas as persoas asistentes”.
Maite Ferreiro destacou o valor simbólico e emocional do evento: “Queremos que Lugo celebre o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade. Grândola, Vila Morena representa o espírito da revolución pacífica e, ao mesmo tempo, é unha chamada á unidade e á esperanza”.
Este tipo de actos, insistíu o Tenente Alcalde, “permiten reforzar o compromiso do Concello de Lugo cos valores democráticos, coa memoria histórica e coa cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza”.
Con este acto, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante a acción cultural colectiva.
Resposta de Rubén Arroxo aos medios
A preguntas dos medios de comunicación presentes na rolda de prensa sobre as recentes declaracións do delegado da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, en relación á achega do Goberno galego ás festas do San Froilán, Rubén Arroxo respondeu con claridade: “A Xunta sabe perfectamente cando se celebra o San Froilán; leva celebrándose na mesma época dende hai case 300 anos, polo que non poden alegar descoñecemento ou falta de aviso a tempo”.
Arroxo explicou que dende o Concello de Lugo foron presentadas múltiples solicitudes ao longo dos últimos anos para que a Xunta incremente a súa implicación nas festas patronais da cidade. “A achega da Xunta é de 25.000 euros, unha cantidade que sempre consideramos insuficiente, especialmente se a comparamos con outras citas culturais no país que reciben achegas próximas aos 3 millóns de euros”, afirmou.
Como exemplo desa falta de apoio, o Tenente Alcalde lembrou unha petición concreta realizada o 16 de setembro de 2022, durante o Ano Xacobeo, na que se solicitou a organización dun gran concerto en Lugo, similar aos que se celebraron noutras cidades galegas. “A resposta foi o silencio, e o concerto nunca chegou”, concluíu.