A DEPUTADA OLALLA RODIL INSISTIU NA NECESIDADE DE QUE LUGO DISPOÑA DE INFRAESTRUTURAS XUDICIAIS Á ALTURA DAS NECESIDADES E DOS DEREITOS DA POBOACIÓN

O BNG insta á Xunta de Galiza a actuar con urxencia tras o peche do Xulgado de Instrución nº 4 de Lugo por risco de derrubamento

A deputada Olalla Rodil insistiu na necesidade de que Lugo dispoña de infraestruturas xudiciais á altura das necesidades e dos dereitos da poboación

Rodil: “Non podemos permitir que se vexan afectados os servizos públicos esenciais polo mal estado das súas instalacións”

 

O BNG insta á Xunta de Galiza a actuar con urxencia tras o peche do Xulgado de Instrución nº 4 de Lugo por risco de derrubamento

 

Lugo, 22 de abril de 2025. A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, anunciou que a formación nacionalista trasladará á Cámara galega as demandas da xuíza decana de Lugo tras o peche do Xulgado de Instrución nº 4 da cidade, motivado polos riscos estruturais derivados de goteiras persistentes no edificio xudicial.

“É evidente que existe un problema de falta de mantemento estrutural nas instalacións, responsabilidade da Xunta de Galiza, polo que debe acometer con urxencia as medidas necesarias para garantir, en primeiro lugar, a seguridade das traballadoras e traballadores da administración de xustiza”, sinalou Rodil.

O deterioro do edificio xudicial non é un feito illado, senón unha situación recorrente que leva anos sendo denunciada por profesionais do ámbito da xustiza. “Lugo precisa con urxencia un plan serio de mantemento e renovación das súas infraestruturas xudiciais, que leve aparellada unha planificación a longo prazo e investimentos reais”, afirmou.

A deputada nacionalista fixo fincapé na necesidade de dispoñer de infraestruturas xudiciais “á altura das necesidades e dos dereitos da poboación deste partido xudicial”. Nese sentido, anunciou que desde o BNG se instará ao Goberno galego a realizar, con celeridade e coas máximas garantías, as actuacións precisas para restituír as condicións do edificio afectado.

“Non podemos permitir que se deteñan servizos públicos esenciais por deixamento de funcións. Esixímoslle ao Goberno do PP que garanta o mantemento adecuado de todas as infraestruturas que son da súa competencia, especialmente cando falamos dun servizo tan sensible como a xustiza”, concluíu Olalla Rodil.

 

Falta de regulación nos sistemas de aire acondicionado e calefacción

Os xulgados de Lugo tamén sofren a falta de regulación nos sistemas de aire acondicionado e calefacción, o que agrava as condicións de traballo nas instalacións. “Non é só un problema estrutural, senón tamén unha cuestión de habitabilidade e de dereitos laborais para o persoal xudicial, o que provoca que as condicións sexan inadecuadas, e isto tamén é responsabilidade da Xunta”, declarou a deputada.

O BNG insta á Xunta de Galiza a actuar con urxencia tras o peche do Xulgado de Instrución nº 4 de Lugo por risco de derrubamento