CRISTINA LÓPEZ: “HONRAMOS CON ESTA ACCIÓN SIMBÓLICA A TODAS AS PERSOAS QUE FALECERON DURANTE A EMERXENCIA SANITARIA E NON PUIDERON ESTAR ACOMPAÑADAS”
O Concello de Lugo homenaxea no cemiterio ás persoas que perderon a vida durante a emerxencia sanitaria
A edil de Participación lembrou que “a despedida é un eixo fundamental na superación dunha perda”.
Lugo, 30 de xuño de 2020. A área de Participación e servizos para a Veciñanza realizou na tarde de hoxe unha homenaxe ás persoas falecidas durante a emerxencia sanitaria que consistiu nunha ofrenda floral con acompañamento musical. Segundo declarou a concelleira responsábel, Cristina López: “quixemos honrar así a todas aquelas persoas que, pola situación de excepcionalidade que se estaba a vivir, non puideron estar acompañadas polos seus familiares”.
“Trátase dunha homenaxe a todas as persoas que faleceron no transcurso da crise sanitaria, mais é tamén un xeito de acompañar a quen tivo que afrontar a perda dun ser querido sen poder despedirse”, afirmou Cristina López, que sinalou que “a despedida é un eixo fundamental no proceso de superación dunha perda pero, por causa da situación excepcional, isto non foi posible”.
O acto levouse a cabo respectando todas as medidas dictadas polas autoridades sanitarias.