O Concello de Lugo homenaxeará, no día da Galiza Mártir, a todas as persoas represaliadas polo franquismo

O Concello e a Deputación de Lugo convoca á veciñanza a un acto público que terá lugar mañá a partir das 11:30 no patio do Vello Cárcere

 

O Concello de Lugo acordou institucionalizar o día da Galiza Mártir en febreiro de 2020

O Concello de Lugo homenaxeará, no día da Galiza Mártir, a todas as persoas represaliadas polo franquismo

Lugo, 16 de agosto de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o concello de Lugo, desde a área de Cultura, xunto coa Deputación de Lugo realizarán este 17 de agosto unha homenaxe a todas as persoas represaliadas polo franquismo coincidindo coa celebración do día da Galiza Mártir.

 

Desde o Concello e a Deputación de Lugo convídase á veciñanza a asistir a un acto que pretende “manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”, segundo explicou Maite Ferreiro, que engadiu "con esta acción damos un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo".

 

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano. 

 

A Deputación de Lugo aprobou no último pleno a institucionalización do Día da Galiza Mártir como data de memoria e homenaxe a Alexandre Bóveda e ás persoas asasinadas e represaliadas por defenderen os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego fronte ao golpe de Estado e durante a ditadura.

 

 

A área de Memoria Histórica, creada de forma específica en 2019, xa promovera a celebración institucional desta data o ano pasado, cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, en Sarria, a carón da placa que lembra ás vitimas do franquismo na comarca.

O Concello de Lugo homenaxeará, no día da Galiza Mártir, a todas as persoas represaliadas polo franquismo