O Concello de Lugo renova o pavimento do cruce da rúa Dinán con Cidade de Vigo
Rubén Arroxo: “trátase dun treito de vía que estaba moi desgastado no que non se actuara en moito tempo”
Lugo, 05 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo informou dos traballos de mantemento da rede viaria que se están a realizar na unión das rúas Dinán e Cidade de Vigo. Arroxo explicou que “trátase dun punto no que existía un afundimento, o que facía necesario actuar canto antes para garantir a mellor calidade para toda a veciñanza”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas consiste na renovación da capa de rodadura con formigón, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. A actuación realizouse nestes días nun dos carrís da rúa, e continuará durante os próximos días.
Con esta intervención, o concello de Lugo e a Área de Infraestruturas garanten as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. Arroxo destacou a importancia desta actuación “dado que este treito de vía soporta a diario as maniobras dos autobuses que entran e saen da estación”.