Entra en funcionamento o novo alumeado público na rúa Soto Freire
Rubén Arroxo: “melloramos a rede de alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero nunha zona escura da cidade”
A área de Mobilidade e Infraestruturas colocou novas luminarias LED de baixo consumo, nunha rúa que non contaba con alumeado público
Lugo, 06 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a entrada en funcionamento do novo alumeado público da rúa Soto Freire, na zona próxima á estación de autobuses. Arroxo afirmou que “esta zona contaba ata o de agora con pouca iluminación, e con esta actuación seguimos a mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando a perspectiva de xénero”.
A área de Mobilidade e Infraestruturas colocou novas luminarias de 48 LEDs, de 74 W, que permiten cumprir cos requisitos de luminosidade para alumeado exterior cun baixo consumo eléctrico. En total, investíronse 17.716,09€ nesta intervención. Rubén Arroxo afirmou que “seguimos mellorando a rede de alumeado público tratando tamén de reducir o gasto na factura da luz do Concello”.
Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en máis de 10 zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas como a avenida Filharmónica Lucense, que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade. Desde a área de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, como a renovación do alumeado de Montirón, en proceso de contratación ou a renovación do barrio da Residencia e o grupo da Paz, que está próximo a comezar.