O concurso de disfraces, prato forte da programación do martes de Entroido
Pola mañá, o espectáculo itinerante Pakenstein percorreu o centro de Lugo
Lugo, 01 de marzo de 2022. O gran concurso de disfraces foi o prato forte da programación do martes de Entroido, dentro das actividades organizadas pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
O xurado estivo composto por Teresa Astorgano Casal, artesá de Traxandaina; Ramón Cabarcos Rodríguez, director da EASD Ramón Falcón e Benigno Lázare López, presidente da Asociación da Prensa de Lugo
Nas categorías Individual e Parellas, repartíronse os 3 premios, recaendo o primeiro (500€ en Individual e 600€ en Parellas) para Godzilla pola Vila (individual) e Raíces sen Fronteiras (parellas), o segundo (300€ en Individual, 400€ en Parellas) para Metamorfose MMPunto2 (individual) e A Centáuride e a Anxo (parellas), e o terceiro premio (200€ en individual e 300€ en parellas) para La bruja, a que te pincho (individual) e Xira xira xirasol (parellas).
A maiores, na categoría individual entregáronse tres accésits, valorados en 50€ cada un para La Moda Mascarilla, Hada de los bosques e V. Na categoría de parellas entregouse tamén un accésit valorado en 100€ para Crecer lendo. Na categoría de Comparsas premiouse cun accésit, valorado en 200€ á comparsa Ronda Error.
Programación martes de Entroido
A programación da área de Cultura para o martes de Entroido completouse co espectáculo itinerante Pakonstein, a cargo da compañía Discípulos de Morales, que percorreu as rúas do centro da cidade pola mañá. A programación de entroido rematará o vindeiro venres 4, co Enterro da Sardiña a cargo da asociación Pepe Barreiro