David Taboada inicia o Entroido 2022
O pregón celebrouse por primeira vez na praza Maior, permitindo a asistencia da veciñanza ao inicio da celebración do Entroido
Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 26 de febreiro (categoría infantil) e o 1 de marzo (categoría adulta)
Lugo, 25 de febreiro de 2022. Comeza o Entroido 2022 co pregón do músico local David Taboada, que por primeira vez se celebrou na praza Maior, facilitando a asistencia de toda a veciñanza. O acto contou coa animación musical previa do grupo Condensadores de Fluzo, que deron paso ao pregoeiro, que realizou a súa intervención a través dun vídeo, ao atoparse confinado por dar positivo en COVID. A xornada continuou coa animación musical da charanga Unión Phenosa. O pregón contou coa asistencia da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, do Tenente Alcalde do Concello de Lugo, e concelleiras e concelleiros dos grupos con presencia na corporación municipal.
O sábado 26 a animación comezará a partir das 12:30, coa actuación da Tambukada, que continuará ás 14:00, ambas actuacións pola zona centro. A partir das 17:00, terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Kote Malabar, e a partir das 20:30, a charanga Asociación Amigos da Terra Chá.
O domingo 27 a praza Maior contará coa gala de circo de Entroido Introitus, interpretada por Culturactiva.
O luns 28, a compañía de teatro Down Lugo e Cía realizará o seu espectáculo Ti te me deixas querer? no fondo da praza Maior ás 19:00, e a partir das 20:30 a charanga OT animará as rúas do centro da cidade.
O martes 1 de marzo a partir das 12:30 sairá da praza Maior o espectáculo itinerante Pakonstein, a cargo da compañía Discípulos de Morales. Pola tarde terá lugar o concurso de disfraces en categoría adulta, a partir das 17:00 na praza Maior, e ás 18:30 a charanga Paradela realizará animación de rúa polo centro da cidade.
As actividades do Entroido rematarán o venres 4 co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.